NOIA> O BNG de Noia solicitará no pleno que se dea continuidade ó proxecto de rehabilitación do IES Virxe do Mar. Trala intervención que está a piques de concluír na fachada principal demandan á Xunta que actúe tamén nos muros laterais e posterior para a posta en valor de todo o inmoble.
A piques de rematar a rehabilitación da fachada do IES Virxe do Mar de Noia, o BNG destacou o bo resultado da intervención despois de que se mantivera o revoque en branco respectando o deseño orixinal do inmoble. Aínda que satisfeitos, os nacionalistas consideran que a actuación é insuficiente polo que levarán a pleno unha moción para instar á Xunta a darlle continuidade ó proxecto con intervencións nos muros laterais e na fachada anterior.
Demandan ademais ó concello a retirada de carteis publicitarios, sinais e outros elementos que interfiren na visión deste conxunto patrimonial, tal e como establece o Plan Especial de Protección do Casco Histórico.
Por último, solicitan ó concello que poña en valor as fontes e manteña ben coidadas as zonas axardinadas situadas na fronte do instituto.











