Nove persoas trasladadas e unha vintena de veciños desaloxados no incendio dun piso en Cambados

CAMBADOS> Nove persoas trasladadas e unha vintena de veciños desaloxados. Ese é o balance do espectacular incendio rexistrado esta mañanciña nun piso de Cambados. O lume orixinouse no terceiro andar do edificio e afectou a practicamente todo o inmoble. Entre as persoas evacuadas ó Hospital do Salnés, figuran dous axentes da Garda Civil.

Quedou nun gran susto, pero puido ter consecuencias fatídicas. Os tres residentes deste piso  onde se orixinou o lume, o terceiro andar do número 2 desta travesía de Valle Inclán, puideron liscar das lapas polos pelos. Foi grazas á rápida intervención dos efectivos de emerxencia.

As tres vítimas, un matrimonio de avanzada idade mailo seu fillo resultaron intoxicados por inhalación de fume. No operativo, tamén se viron afectados pola fumareda dous Gardas Civís e, segundo indica o 112, outros catro veciños. Todos eles terían sido trasladados ó Hospital do Salnés polos efectivos sanitarios. Ademais, segundo apuntan dende o servizo de emerxencias galego outras tres persoas tamén sufriron inhalación de fume, aínda que neste caso terían acudido polos seus propios medios a un centro sanitario.

O incendio deixou graves danos na vivenda e mesmo se está á espera de valorar se a estrutura do inmoble se viu danada. Outros pisos do bloque tamén se viron afectados. A rápida propagación das lapas e do fume colleu por sorpresa ó resto de veciños do edifico. En total, entorno a unha vintena de persoas tivo que ser desaloxada. Unha desas veciñas relataba para Canal Rías Baixas os momentos de angustia que viviron.

No operativo participaron os Bombeiros de Ribadumia e de Vilagarcía, a Policía Local e Protección Civil. As primeiras hipóteses apuntan a que o lume puido orixinarse nun calderín eléctrico e de aí, terse estendido a un sofá. Agora, é a Policía Xudicial a que se está a encargar de investiga-lo ocorrido.