MEIS> O concello de Meis convoca unha reunión urxente para este sábado para abordar o futuro da Semana Santa de Paradela. As representacións relixiosas poderían non celebrarse este ano logo da dimisión en bloque da directiva da confraría organizadora, logo da decisión de prescindir do actor que ocupaba o papel de Xesús. Isto podería supoñer ademais, a perda do distintivo de interese turístico de Galicia, algo que preocupa moito ao concello.
Co futuro da Semana Santa de Paradela colgando dun fío, o concello de Meis move ficha para tentar salvar in extremis as representacións ao vivo protagonizadas pola veciñanza. A alcaldesa emitiu un bando convocando unha reunión para este sábado.
Esta xuntanza chega a dous meses da Semana Santa e despois de que a directiva da confraría organizadora presentase a súa dimisión en bloque, evidenciando o seu rexeitamento a substituír o actor que encarnaba o papel de Xesús.
Máis alá da preocupación pola propia celebración, no concello preocupa tamén as consecuencias que podería supoñer a cancelación, xa que se o evento non se realiza podería perder o seu recoñecemento de interese turístico de Galicia.
A alcaldesa di estar confiada en que da xuntanza do sábado sairán boas novas. Asegura que moita xente xa amosou o seu apoio para non perder esta tradición. Confía en que haxa veciños e veciñan que dean un paso á fronte.
A reunión, que conta co apoio do cura, vaise celebrar o sábado ás 19:00 horas, na Casa da Fábrica, no Igrexario de Paradela.











