O panorama político en Noia segue incerto

NOIA> Lonxe de aclararse o panorama político en Noia, segue incerto. A día de hoxe a opción máis probable é a reedición do pacto entre o PP e o NOIA. Pero non sería a única. Os independentes exploran tamén a formación dun cuatripartito con PSOE, BNG e Marea, sempre e cando asuman eles a alcaldía.

A alcaldía de Noia a día de hoxe, a falla de algo máis dunha semana para a súa constitución, segue no aire. O PP, a forza que acadou maior representación na futura corporación con 7 edís, segue á espera de resposta por parte de Noieses Independentes Agrupados de Marisol Villar.

A suma das dúas formacións permitiría a reedición do pacto de hai catro anos, dando unha maioría estable. Para o PP de Santiago freire sería o máis razoable, pero os independentes teñen aberta tamén outra fronte, neste caso coas forzas de esquerda: Partido Socialista, Marea e BNG, con 4 edís, 2 e 2, respectivamente.

O NOIA trasladoulle a estes a súa proposta, que pasaría única e exclusivamente por darlle o bastón de mando a Marisol Villar. Ó parecer PSOE e Marea estarían dispostos a aceptar esta solicitude, xa que con ela apartarían ós populares da alcaldía. Pero o problema preséntao o BNG, que non quere darlle o sillón nobre do Concello a Marisol.

Con estas e con outras estes días séguense a producir negociacións, pero, polo de agora, sen avances. A vindeira semana antóllase definitiva. O tempo avanza e a data de constitución das novas corporacións prevista para o 7 de xullo apremia a chegar a un acordo.