Noia inicia os trámites para a ampliación do polígono de Augalevada

NOIA> Co fin de satisfacer a demanda de chan industrial no municipio, unha vez que os terreos do actual polígono de Augalevada están practicamente esgotados ó 100%, a concellería de Comercio e Industria que dirixe Pepe Pérez vai iniciar as xestión que permitan poder executar unha segunda fase deste parque empresarial.

O Concello baralla varias opcións para levar a cabo esta ampliación, que podería ser de iniciativa pública ou privada.

Nas próximas semanas o Concello ten previsto convocar unha xuntanza cos responsables da asociación de propietarios do polígono e outros empresarios para coñecer a actual demanda.

A curto prazo, dentro tamén dun plan de mellora das actuais instalacións do parque empresarial, o Concello anunciou que se levará a cabo a mellora do punto limpio e o arranxo dun dos viais de servizo. Dúas actuacións que suporán un investimento de algo máis de 50 mil euros.