NOIA> Portos de Galicia habilitará 400 prazas de estacionamento na explanada de Labarta, en Noia. A actuación, que contempla a pavimentación dunha superficie de seis mil metros cadrados, suporá un investimento dun millón de euros.
Nas próximas semanas, Portos de Galicia sacará a licitación a mellora na explanada de Labarta en Noia. Trátase dunha reforma integral na que se pavimentará toda a superficie, de máis de seis mil metros cadrados, e se eliminarán os tendidos aéreos. Ademais de soterrar as canalizacións procederase á reordenación do espazo habilitando ó redor de 400 novas prazas de estacionamento gratuíto.
O proxecto contempla tamén a substitución dos elementos do paseo que se atopan deteriorados así como unha mellora da accesibilidade coa construción de novos treitos peonís ata Barro.
A previsión do organismo autonómico é que as obras estean en execución este mesmo ano para entrar en servizo en 2026.