Zona Aberta propón reorganizar a feira en función dos produtos e manter os postos na zona do mercado

VILAGARCÍA> Zona Aberta aposta por reorganizar o mercado ambulante de Vilagarcía. En concreto, a asociación de comerciantes e hostaleiros propón que os postos se sitúen por sectores, agrupándoos en función dos produtos que vendan. Dende o colectivo defenden a importancia tanto do mercado ambulante como da praza de abastos xa que, aseguran, son complementarios á oferta dos comercios vilagarciáns.

Agrupar os postos do mercado ambulante en función do produto que vendan é a proposta que fai Zona Aberta para abordar a reorganización desta actividade. Tamén que se manteñan na contorna da praza de abastos.

Para Louzán é fundamental conseguir a convivencia entre as actividades diarias de comercios e hostalería, como as terrazas, coa instalación dos postos da feira. Buscando a fórmula que permita ademais facela compatible co funcionamento da cidade en cuestións como o tráfico.

O que ten claro a presidenta de Zona Aberta é a importancia de conseguir que tanto o mercado ambulante como a praza de abastos funcionen. Porque está convencida de que a súa oferta é complementaria á que ofrecen todo o ano o comercio vilagarcián.

Situar unha parada de autobús máis próxima á praza de abastos e habilitar outra de taxis na mesma contorna, son outras medidas que, segundo Rocío Louzán, favorecerían que máis público se achegara a facer as súas compras nesta zona.