Aviturga despide un agosto excelente e encara un setembro prometedor

SALNÉS> Agosto foi un mes excepcional para as vivendas turísticas da comarca do Salnés. Segundo a asociación que as agrupa, Aviturga, a ocupación roldou o 100% nestes aloxamentos dos concellos do litoral galego. Agora celebran o arranque do mes de setembro, pero seguen a ver a desestacionalización do turismo como a principal tarefa pendente.

Custou que o verán arrincara para as vivendas turísticas, pero agora despiden a tempada alta por todo o alto. A primeira quincena do mes de xullo foi frouxa, pero os datos de agosto fan que o balance sexa moi positivo.

O mes de agosto é o favorito para os turistas. Tanto é así que a oferta actual de vivendas turísticas non puido asumir toda a demanda.

Polo de momento, os datos cos que arrinca setembro animan tamén ao optimismo. Segundo Aviturga, as reservas están en niveis moi bos, cando menos na primeira quincena. Iso si, botan de menos máis actividades que contribúan a desestacionalizar o turismo.

Non hai cambios no perfil dos usuarios que escollen as vivendas turísticas para pasar as súas vacacións. Xeralmente trátase de turismo familiar, que chegan sobre todo do territorio nacional para pasar unha media de 7 a 10 días. Aviturga destaca ademais un incremento do turismo internacional, sobre todo de Portugal.