Nace ‘Big Fortress’, unha marca de roupa vilagarciá e respectuosa co medio

VILAGARCÍA> Nace unha marca de roupa con selo arousán. Big Fortress é a aposta de Jesús Güimil Beiras, que aposta por un estilo deportivo pero para todos os públicos na que é a súa primeira incursión no deseño. A semana pasada foi a súa posta de longo en Vilagarcía.

Roupa de estilo deportivo, para todos os públicos e respectuosa co medio ambiente. Esta é a filosofía de Big Fortress, unha marca de roupa que vén de nacer en Vilagarcía e que fala de fortaleza.

De fortaleza sabe moito o seu creador. Jesús Güimil Beiras estivo vencellado ao comercio do téxtil a través da súa familia. Trala morte do seu pai, o seu proxecto foi collendo pulo, como unha aposta tamén para honrar a súa memoria. Tras dous anos de traballo, Big Fortress por fin viu a luz.

Actualmente conta con catro puntos de venda, aínda que a súa intención é moverse fundamentalmente polo mercado online. Tamén ten o respaldo de xente coñecida en Galicia, como é o caso do humorista Isi, que exerceu de padriño da marca.

O seu soño é poder dedicarse a tempo completo á súa marca. Polo de momento, compatibilízao co seu traballo nun ximnasio de Vilagarcía, experiencia que tamén reflicte nos seus deseños.