Meis celebrará a XXX edición da Festa dos Callos homenaxeando ás mulleres que a fixeron posible

MEIS> O calendario festeiro continúa recuperando datas, logo de dous anos da pandemia. En Meis, quentan motores para o San Bieito e a Festa dos Callos. O evento gastronómico acada este ano o seu trinta aniversario. Aproveitando a ocasión, vaise organizar unha homenaxe ás veciñas que comezaron a organiza-la festa. Ademais, a programación inclúe actos tamén na Casa de Parga, que acaba de ser adquirida polo Concello.

A normalidade regresa tamén ás festas do Concello de Meis. Logo do parón da pandemia, o San Bieito e a Festa dos Callos recuperan o pulso, con diversas propostas culturais e de lecer. Este ano, como novidade, incorpórase a Casa da Parga á escolma de escenarios escollidos para face-las actividades. O espazo acaba de ser adquirido polo concello e acollerá a primeira das propostas do calendario festivo, o 7 de xullo.

A xornada tamén servirá para converte-lo tradicional pregón nunha homenaxe ás veciñas que, co seu traballo, puxeron en marcha a Festa dos Callos hai agora 32 anos.

A Festa dos Callos naceu hai 32 anos, pero celebra este ano a súa 30 edición, descontando os dous anos de pandemia. Vai se-lo día 10 de xullo. Nesa xornada tamén se celebra a sétima ruta BTT da Festa dos Callos.

E este ano como o San Bieito -o 11 de xullo- cadra en luns, nesa xornada tamén se programan actividades, con música e unha festa infantil aberta a todo o mundo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí