PONTEVEDRA> A inauguración do novo edificio xudicial da Parda supón, sen dúbida, un antes e un despois nas relacións entre a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra. Unhas relacións ás que tanto o alcalde como o presidente autonómico quixeron facer referencia esta mañá.
O novo edificio xudicial da Parda nace para resolver as actuais carencias de espazo que sofren os órganos da administración de Xustiza de Pontevedra, pero tamén para cubrir as necesidades de futuro. En total, máis de 21 millóns de euros invertidos pola Xunta de Galicia cos que pretende demostrar o compromiso que a administración autonómica ten coa cidade do Lérez.
Na inauguración do novo edificio xudicial, o alcalde de Pontevedra quixo destacar a necesidade de entendemento entre as diferentes Administracións para que a cidade siga medrando.
O presidente da Xunta non quixo pasar por alto as palabras de Miguel Anxo Fernández Lores e recordou que a administración autonómica está a investir en Pontevedra máis de 200 millóns de euros, divididos entre a Cidade Xudicial, o edificio de Benito Corbal, o Gran Montecelo e a Intermodal.
Feijóo lembrou tamén que esta obra forma parte do Plan de infraestruturas xudiciais. Un plan cuxo investimento superou xa, nesta última década, os 115 millóns de euros. O maior investimento feito na Administración de xustiza nos últimos anos.