PONTEVEDRA> O PSOE buscará que o concello de Pontevedra se pronuncie en contra de Altri, a macrocelulosa que se quere construír en Palas de Reis. A formación levará unha moción ao vindeiro pleno denunciando a xestión da Xunta ao redor deste proxecto que, recordan, terá impacto negativo sobre a conca do río Ulla e a ría de Arousa.
O polémico proxecto para construír a macrocelulosa Altri no concello de Palas de Reis, en Lugo, estará presente no vindeiro pleno de Pontevedra. Será a través dunha moción do Partido Socialista, que busca que a cidade lidere a oposición institucional contra este proxecto.
A moción ten tamén como obxectivo dirixirse ás catro deputacións galegas e á Xunta de Galicia. Reclama ao goberno autonómico que impulse proxectos industriais do século XXI.
O voceiro socialista repasou a tramitación que se realizou do proxecto de Altri dende que comezou a súa andaina no 2021. Un proceso que, asegura Puentes, estivo marcado polos cambios e o escurantismo.
A moción foi aprobada hoxe pola comisión de medio ambiente do concello de Pontevedra cos votos a favor de PSOE e BNG. O PP, pola súa banda, votou en contra.











