O Museo creará un soto para unir os edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López

PONTEVEDRA> O Museo de Pontevedra unirá os edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López baixo terra. Trátase dunha proposta de rehabilitación que consistirá en crear unha conexión subterránea entre os tres inmobles co obxectivo de duplicar a súa superficie expositiva. A intención da Deputación é comezar estas obras a mediados de 2021.

A Deputación de Pontevedra presentou hoxe a proposta de rehabilitación para os edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López. Tras analizar diferentes propostas, a institución provincial cre que a única solución tanto técnica como administrativamente viable é a de crear un gran soto que conecte os tres edificios do Museo. Un proxecto que permitirá duplicar a súa capacidade expositiva.

Unha obra complexa e inspirada neste Museo francés. O público entrará a través dun acceso único situado no edificio Fernández López. Este estará unido ao Castro Monteagudo por un soto a nivel -1. A continuación, os usuarios poderán acceder a un segundo paso subterráneo que conectará o edificio Castro Monteagudo co García Flórez. As plantas inferiores e as superiores estarán comunicadas cun novo ascensor, dende o cal se poderá acceder a un miradoiro.

Esta proposta de rehabilitación foi xa presentada a Patrimonio e aos servizos urbanístico do Concello. Ademais, abriuse xa unha rolda de contactos coa Xunta de Galicia e co Estado para que estas dúas administracións aporten parte do investimento necesario. O cal, ten un custe estimado de 2.500 euros por metro cadrado. A previsión da Deputación de Pontevedra é que estas obras comecen a mediados de 2021.