CAMBADOS> Para o PP, o actual executivo local non atendende ás necesidades dos veciños de Cambados. Unha mostra diso, segundo os populares, está na xestión da Escola de Música. O Centro debería comeza-lo curso dentro de 10 días, pero segundo aseguran, a día de hoxe os alumnos aínda non recibiron a confirmación de que a súa matrícula fose aceptada. Dende o Concello réstanlle importancia ás críticas. Din que o curso vai comezar con normalidade e que as listas dos matriculados serán publicadas o vindeiro martes.
O PP de Cambados critica a situación da Escola Municipal de Música. Os populares explican que o curso debería comeza-lo vindeiro día 16 pero que, a día de hoxe, os alumnos descoñecen se a súa matrícula foi aceptada.
Uns 200 alumnos acoden cada curso a esta Escola Municipal de Música. Unha das concelleiras do grupo popular é tamén unha das nais afectadas. Lamenta o agravio xerado pola falta de información sobre o estado das matrículas. Asegura que as familias están moi descontentas.
No PP pídenlle tamén ó executivo local que resolva canto antes o contrato coa empresa para dar este servizo. O seu contrato rematou hai meses. Agora factura mensualmente polos servizos prestrados.
A alcaldesa de Cambados indica que a adxudicación do servizo non se pode resolver ata o mes de novembro, porque nestes intres está no período de exposición pública. Con todo, segundo apunta Fátima Abal a Canal Rías Baixas, a Escola de Música seguirá funcionando con normalidade. A rexedora réstalle importancia ás críticas do PP. Di que as clases comezarán o día 16 de setembro e que o martes que vén faranse públicas as listas de matriculados.