Vilanova destina 50.000 euros a mellorar a fachada marítima nas Sinas

VILANOVA> Vilanova actuará na súa fachada marítima. O concello destinará 50.000 euros do Plan Concellos á construción dun paseo de 250 metros na zona das Sinas. En concreto, unirá a praia da Braña co barrio de San Pedro.

Vilanova aposta por mellorar a súa fachada marítima. A vindeira semana o concello porá en marcha a construción dun pequeno paseo, que mellorará o acceso a 250 metros de praia da zona de As Sinas.

O proxecto estará rematado antes de Semana Santa, e busca unir a praia da Braña co barrio de San Pedro. Unha actuación moi demandada por veciños e visitantes.

Esta é a primeira fase dun proxecto máis ambicioso. E é que a intención do concello vilanovés é completar o paseo ata a rotonda do Rial.

O proxecto conta cun orzamento de 50.000 euros, que se afrontarán con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.