O Concello comprométese a destapar o río dos Gafos

PONTEVEDRA> O destape do río dos Gafos na zona de Campolongo é un dos principais obxectivos do goberno municipal. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, tras manter unha reunión cos representantes da Asociación Vaipolorío. Pero para conseguilo, o Concello deberá elaborar un plan integral de rehabilitación, un informe de viabilidade e unha memoria económica.

O goberno municipal comprometeuse esta mañá a destapar o treito urbano do río dos Gafos ao seu paso por Campolongo. Pero para facelo, será necesaria a elaboración dun informe de viabilidade de actuación, dunha memoria económica e dun proxecto de rehabilitación integral.

Esta noticia foi anunciada tras a reunión que mantivo o goberno municipal cos representantes da Asociación Vaipolorío. Un colectivo que leva anos pedindo a recuperación total do río dos Gafos.

A pesares de que existe unha achega de máis de 600.000 euros dos fondos europeos DUSI para a rexeneración de marxes fluviais, o goberno municipal incidiu esta mañá na importancia de que todas as administracións se impliquen neste proxecto para garantir o destape e o saneamento de todo o río.

En canto os prazos para facer que este destape sexa unha realidade, o goberno municipal asegurou hoxe que a súa vontade é conseguilo antes do final de mandato.