Condes de Albarei arrinca a vendima e calcula recoller 3 millóns de quilos de uva

CAMBADOS> Unha das adegas que arrincou estes días o groso da vendima é Condes de Albarei. A cooperativa cambadesa xa recibe nas súas instalacións a uva dos seus case 400 socios. Calculan que acadarán os 3 millóns de quilos de uva, cunha merma de preto dun 15% respecto do ano pasado. Iso si, de excelente calidade.

Os camións e tractores comezan a chegar a Condes de Albarei. Durante case dúas semanas, a cooperativa cambadesa recibirá entre 50 mil e 60 mil quilos de uva cada hora. Xa están metidos de chego na vendima.

A uva que está a chegar é de calidade. Rolda de media os 13 graos e está moi equilibrada coa acidez. En canto a cantidade, calculan que quedarán preto dos 3 millóns de quilos de uva. É menos que o ano pasado, seguindo a tónica xeral da Denominación de Orixe Rías Baixas.

As condicións meteorolóxicas fixeron desta unha campaña anómala. Unha primavera calorosa adiantou a brotación, pero as chuvias de xuño non favoreceron o callado do froito, de aí as mermas deste ano. Coa recollida da uva en marcha, continúan moi pendentes do tempo.

Ao redor de 125 persoas traballarán na vendima de Condes de Albarei, incluíndo as 23 hectáreas de Pazo Baión. Alí, se o tempo acompaña, a recollida da uva arrincará o vindeiro luns.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí