MEIS> O Concello de Meis mobilizarase para reclamar unha sanidade digna ante a falta de persoal sanitario nos seus centros médicos. O goberno local convoca unha concentración para mañá ás oito e media na praza de España. A rexedora da vila advirte que os menores se atopan nunha preocupante situación de desatención tras mes e medio sen servizo de pediatría.
Agosto chegou ao seu final pero o concello de Meis segue sen volver á normalidade en canto aos seus centros sanitarios. A pesar das continuas protestas, a vila continúa tendo déficit de facultativos médicos. O centro de saúde de San Martiño atópase neste momento sen médico nin pediatra, sendo este último, o único do municipio na súa especialidade.
Os veciños teñen que desprazarse dun centro a outro para poder ser atendidos. Unha situación que preocupa á alcaldesa da vila, especialmente pola ausencia dun pediatra.
A rexedora tamén respondeu ás acusación do vicepresidente da Xunta de Galicia. Alfonso Rueda asegurou que as protestas de Marta Giráldez sobre a sanidade tiñan fins políticos.
A concentración terá lugar mañá ás 20:30 horas na praza de España. A alcaldesa invita a toda a veciñanza do Salnés a sumarse á mobilización asegurando que é unha convocatoria para esixir un dereito de asistencia e non para ir contra ningún partido político.