O Obradoiro de Hostalería do Salnés volve acender os seus fogóns

SANXENXO> Bota a andar unha nova edición do Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade do Salnés. Vinte alumnos e alumnas formaranse durante os vindeiros nove meses nas súas instalacións de Sanxenxo. Trátase da décimo sexta edición dunha acción formativa cunha ampla saída laboral.

 

A Mancomunidade do Salnés pon en marcha unha das súas grandes referencias en materia formativa. Trátase do Obradoiro de Hostalería, unha acción que acada xa a súa décimo sexta edición, consolidada como unha ferramenta clave para un sector estratéxico para a comarca. Esta mañá tivo lugar o acto oficial de apertura do novo curso.

Dende a Mancomunidade salientan que este obradoiro é un dos mellor valorados de toda Galicia. Conta cunha ampla taxa de empregabilidade, grazas a unha completa formación que capacita ao alumnado para incorporarse con plenas capacidades ao mercado laboral. Porque estamos a falar dun sector que cada vez require de profesionais mellor cualificados.

Esta nova remesa de alumnos e alumnas formarase nas instalacións do Obradoiro en Sanxenxo.

A formación, como vén sendo habitual, ten moi presente a parte práctica. De feito xa ao longo deste mes de decembro, o alumnado será o encargado de preparar e servir varios eventos nestas instalacións, así como dúas colaboración que teñen previsto organizar con Cáritas.