O alumnado do instituto de Valga garda un minuto de silencio en repulsa ao triplo crime machista

VALGA>  Nesta xornada sucedéronse as mostras de condena polo triplo crime de Valga. Houbo actos en Caldas, Pontecesures, Sanxenxo, Cambados e, por suposto, no lugar do asasinato: en Valga. O alumnado do instituto da localidade concentrouse ás portas do centro. Despois de ler varios textos de apoio ás vítimas, gardaron un minuto de silencio.

A dor polo triplo crime de Valga esténdese por toda a xeografía galega. En moitas localidades do país houbo hoxe actos de repulsa.No Instituto valgués, os alumnos e alumnas concentráronse esta mañá ás porta do centro.

Cun acto sinxelo quixeron amosa-lo seu pesar pola morte das tres mulleres. Dúas das vítimas, Sandra e Alba, estudaran neste mesmo instituto. Tres rapaces foron os encargados de ler cadanseu texto. Un pequeno xesto en defensa da liberdade, da muller e da fin da violencia machista.

Trala lectura, o patio do colexio enmudeceu en recordo das vítimas. Un silencio que rachou co aplauso dos centos de rapaces e rapazas que participaron nesta concentración.

Nesta xornada houbo tamén homenaxes en Caldas, Pontecesures, Sanxenxo ou Cambados. Para mañá, hai convocadas máis dunha vintena de protestas en toda Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí