O Concello baixará a taxa de temporalidade no persoal ata o 8% convocando 52 prazas

PONTEVEDRA> Baixar a taxa de temporalidade no persoal ata o 8%. Esa é a intención do Concello de Pontevedra. Para conseguilo, o goberno municipal está a traballar en 4 procesos selectivos. Neles convocaranse un total de 52 prazas. Ademais, por primeira vez, na oferta do 2020 incluiranse prazas para persoas con discapacidade.

Modernizar e fortalecer o músculo da administración local. Ese é un dos obxectivos principais que se marcou o goberno municipal para este mandato. E para conseguilo, o Concello de Pontevedra traballará nos vindeiros meses para reducir a taxa de temporalidade no seu persoal ata o 8%.

Actualmente o goberno municipal ten en marcha 3 procesos selectivos de persoal funcionario. Con eles cubriranse 38 prazas vacantes que corresponden á oferta de emprego público dos anos 2017, 2018 e 2019. 16, 6 e 16 prazas, respectivamente. Con estas convocatorias reforzarase, sobre todo, o cadro de persoal da Policía e dos Bombeiros.

Estas non son as únicas convocatorias que o Concello ten enriba da mesa. Durante as vindeiras semanas o goberno municipal negociará cos sindicatos 14 prazas para o ano 2020. Aquí se incluirán, por primeira vez, prazas para persoas con discapacidade.

Con estas convocatorias, o Concello pasaría a contar cun cadro de persoal de case 500 traballadores. O obxectivo do goberno municipal é ter os procesos selectivos resoltos, como moi tarde, no mes de novembro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí