100 días de mandato marcados pola modernización da administración e o impulso das infraestruturas

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra está de aniversario. Hoxe cúmprense 100 días dende que o BNG e o PSOE asinaran o acordo de gobernabilidade. Un bipartito marcado polos avances en materia de modernización da administración e de infraestruturas.

Esta é a valoración do goberno municipal dos primeiros 100 días de mandato. Un inicio de curso político marcado por tres eixes principais. O primeiro: a modernización da administración local. O Concello anunciou nas últimas semanas que se reforzará o cadro de persoal coa convocatoria de 52 novas prazas. Unha oferta pública que complementará coa creación dun corpo de inspección.

Un dos obxectivos marcados no acordo de goberno entre o BNG e o PSOE foi o impulso de infraestruturas como a A-57, o Nó de Bombeiros ou o paseo até Marín. E o certo é que nestes 100 días houbo avances importantes neste eido. Neste inicio de mandato inaugurouse o GastroEspazo do Mercado e tamén están a piques de abrir tanto as piscinas municipais de Campolongo como o Pavillón Multiusos. Dentro da reforma urbana, o Concello ten como obxectivos principais a rehabilitación de zonas como O Gorgullón, o Rouco ou Lepanto e de barrios como Campo da Torre ou San Roque.

Outros dos eixes principais deste inicio de mandato foron contrato da auga e o do lixo. Para o primeiro, o Concello conta cun investimento de case 19 millóns de euros para diferentes proxectos, algúns que están xa en marcha e outros que están pendentes de execución. En canto o servizo de lixo, o goberno municipal asegurou que nos próximos 2 anos terán un contrato á altura da cidade de Pontevedra.

Por último neste balance, a voceira do goberno municipal non quixo pasar por alto os avances realizados no transporte metropolitano e urbano. Por unha banda, Anabel Gulías anunciou que xa hai un acordo sobre a mesa entre a Xunta e o Concello que podería saír á luz en xaneiro de 2020. En canto o transporte a demanda, a portavoz do goberno asegurou que será unha realidade antes de que remate o mandato.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí