PONTEVEDRA> Xogarse a vida para coller un autobús ou para ir á praia. Iso é o que sofren cada día os veciños de Chancelas. O motivo, a falta de semáforos e de pasos de peóns nunha vía pola que pasan preto de 24.000 vehículos diarios. Unha situación insostible e que deixou xa cinco mortos nos últimos anos.
Isto é o que teñen que facer diariamente os veciños de Chancelas. Sortear os vehículos para poder cruzar esta vía. Unha estrada, a PO-308, pola que pasan preto de 24.000 vehículos diarios e pola que está permitido circular a unha velocidade de 70km/h.
A falta de medidas de seguridade e a elevada sinistralidade levaron aos veciños a presentar dous escritos. Un ante a Xunta de Galicia e outro no Concello de Poio. En ambos solicitaron, con carácter urxente, o pintado dun paso de peóns nesta zona.
Esta é unha demanda histórica por parte dos veciños de Chancelas pero a situación agravouse tras o atropelo dun rapaz este mesmo ano.
O colectivo de Chancelas xa realizou diversas manifestacións este mesmo ano reclamando medidas de seguridade viaria e os veciños non descartan volver a saír a rúa xa que non están dispostos a seguir poñendo en perigo as súas vidas.