MEIS> Chamamento dos veciños de San Vicente de Nogueira, en Meis, para que o ladrón ou ladróns do avión pirotécnico das festas das Dores devoltan o artefacto. Na zona, din terlle moito cariño ó aparello, que permanecía colgado no adro da igrexa dende a verbena. Alguén o roubou na madrugada do pasado sábado.
En San Vicente de Nogueira os veciños non falan doutra cousa. Quen sería o ladrón ou ladróns e para que quererán o avión? A desaparición do avión pirotécnico produciuse na madrugada deste pasado sábado. O avión, irmán pequeno, deste que están a ver, incorporárase este ano ós festexos. Trala verbena, quedou pendurado duns aramios, na contorna da igrexa. Quen o levou tivo que subir a un andamio e cortar estes cables.
Os veciños non entenden o motivo do roubo. Sospeitan que se trata dunha falcatruada de moi mal gusto.
E é que nesta parroquia meisina téñenlle moito apego ós seus particulares avións, elaborados por eles mesmos.
Dende a Comisión de Festas piden colaboración cidadá para dar co avión pirotécnico substraído. Agardan telo de novo na casa para os festexos do ano que vén, coincidindo co 50 aniversario desta particular tradición.
O lanzamento dos avións pirotécnicos por estas guían converteuse hai anos no principal reclamo das Festas das Dores de Nogueira, atraendo cada ano a milleiros de persoas. Unha particular tradición que os veciños da zona, de seguro, han seguir mantendo, a pesar deste pequeno contratempo.