A área de Pontevedra e O Salnés mantén os casos estables por debaixo dos 500

PONTEVEDRA/O SALNÉS> A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense nos 491 casos activos. Unha cifra que se mantén estable despois do crecemento sostido das últimas semanas. En canto á presión hospitalaria, a día de hoxe hai 24 pacientes ingresados, cinco deles na undiade de coidados críticos do Hospital de Montecelo.

O número de casos activos de covid19 permanece estable na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Segundo o Servizo Galego de Saúde, hoxe non houbo cambios manténdose nos 491. O que si aumentou lixeiramente foi o número de hospitalizados, con 24 pacientes nos centros da área: 14 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 10 no Salnés. Pola súa banda, seguen a ser 5 os ingresados na unidade de críticos de Montecelo.

Polo de momento, o concello de Vilanova con 38 casos activos é o único municipio no nivel máximo de restricións. Preocupa a importante suba que se está a dar en Cambados, que xa acadou os 52 casos activos. O concello cambadés sitúase no nivel alto de restricións, xunto con O Grove e Meaño. A pesares da situación, dende a área destacan a colaboración da cidadanía.

En Pontevedra rexistráronse hoxe 81 casos activos, mentres que en Poio son 17. Vilagarcía, pola súa banda, acadou os 62.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí