Xunta e concello asinan un convenio de 3 millóns de euros e avanzan nas conversas para liberar a Xunqueira da Gándara

PONTEVEDRA> Boa sintonía entre a Xunta e o concello de Pontevedra. Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores asinaron un convenio por valor de 3 millóns de euros. Destinaranse á construción do novo pavillón de Monte Porreiro e a avanzar no saneamento. Ademais, houbo avances en temas pendentes, como a liberación da Xunqueira da Gándara ou a colaboración da Xunta no financiamento da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que a cidade acolle este ano. Un exemplo de entendemento, dixo Rueda, entre dúas administracións de diferente cor política.

A Xunta investirá 2 millóns de euros na construción do novo pavillón de Monte Porreiro e 1 millón en actuacións de saneamento en Pontevedra. É o acordo que formalizaron hoxe o presidente Alfonso Rueda e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Rueda e Lores aproveitaron tamén o encontro desta mañá para abordar outras cuestións pendentes. É o caso da liberación da Xunqueira da Gándara, onde actualmente hai instalacións de titularidade autonómica.

Dende a Xunta, dixo Rueda, hai vontade de acordo. Xa está previsto o traslado do parque de maquinaria da Axencia Galega de Infraestruturas. En canto ao taller do servizo de bombeiros forestais, o presidente asegurou que hai que negociar as condicións do traslado co concello.

O alcalde puxo tamén sobre a mesa a posibilidade de que a Xunta colabore no financiamento da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que a cidade acolle este ano. Enmarcándoa, suxeriu, nos eventos do Xacobeo. Rueda amosouse receptivo a esta proposta.

E é que o ambiente de entendemento marcou o encontro desta mañá entre Xunta e concello.

O Novo Montecelo, a rehabilitación do Pazo de Lourizán, a construción de vivenda pública ou o proxecto de dragaxe do Lérez son outros exemplos do compromiso que, segundo Rueda, ten a Xunta con Pontevedra.