A Deputación reivindica a importancia dos produtos de proximidade repartindo mazás ecolóxicas

PONTEVEDRA> Continúa a programación da Deputación de Pontevedra enmarcada dentro da Semana Global de Acción polo Clima. A institución provincial dedicou a xornada de hoxe á iniciativa “Quilómetro Cero”.  Unha actividade na que se deron cita colectivos como ODEGA, ASEFOGA e FEGAMA co obxectivo de reivindicar a importancia dos produtos de proximidade.

Apostar polos produtos de proximidade para garantir a sustentabilidade na acción “Quilómetro Cero”. Ese era o obxectivo marcado pola Deputación de Pontevedra con esta carpa. Un espazo situado na Avenida de Montero Ríos e no que se deron cita entidades como ODEGA, ASEFOGA ou FEGAMA.

Esta actividade está enmarcada dentro da programación da Deputación de Pontevedra para a Semana Global de Acción polo Clima. Unha iniciativa pensada para difundir a campaña Experiencias Sostibles contra os plásticos, así como para informar á cidadanía sobre a erradicación das acacias, o cultivo de froitos do bosque ou as trampas contra as velutinas.

Nestes dous espazos explicouse ao longo de toda a xornada, por unha banda como pode a cidadanía identificar estas acacias e por outra cales son os obxectivos e, sobre todo, os beneficios deste cultivo de froitos do bosque.

Deste xeito deféndense os valores medio ambientais e preténdese fomentar os produtos de proximidade. E como símbolo desta aposta por intentar recuperar este tipo de cultivo, nesta carpa repartíronse mazás ecolóxicas a todos os asistentes.