As familias do Villa de Pitanxo, indignadas, reclaman esforzos para localizar os tripulantes do barco

MARÍN> As familias da tripulación do Villa de Pitanxo recibiron con sorpresa e indignación a decisión do Canadá de suspender os labores de busca. Hoxe aproveitaron un encontro en Marín co Ministro de Pesca para reclamarlle que o goberno central interceda para que continúen os traballos e, de non ser así, que o Estado traslade medios propios para intentar localizar aos 12 mariñeiros que seguen desaparecidos en Terranova. Moi enfadados reclamaron, tamén, transparencia na xestión da traxedia.

O enfado é xeneralizado entre os familiares da tripulación do Villa de Pitanxo. A decisión do Canadá de suspender a búsqueda dos 12 mariñeiros que continúan desaparecidos en Terranova foi un duro golpe para todos.

O Goberno central tamén é branco do seu enfado. Non entenden que non se esixa ás autoridades canadenses que continúen cos traballoss.

Hoxe trasladaron o seu sentir ao Ministro de Pesca nunha reunión que mantiveron en Marín á que non estaban convocados de xeito oficial. Ao finalizar, Luis Planas abandonou a Autoridade Portuaria sen facer declaracións aos medios.

O familiares aproveitaron o encontro para pedir ao Estado que poña en marcha os mecanismos necesarios para seguir buscando aos desaparecidos.

Como xa fixeran antes da reunión, ante Planas denunciaron a falta de transparencia na xestión desta traxedia. Aseguran que as familias non están a recibir información das fontes oficiais.

Na reunión participaron tamén os alcaldes dos municipios dos mariñeiros. Entre eles, o rexedor de Cambados, Samuel Lago, que acompañou ao fillo pequeno do veciño da vila desaparecido no naufraxio, Miguel Lumbres.

Os familiares reclamaron tamén celeridade nas tarefas para saber quen  son os nove cadáveres rescatados do mar, que aínda continúan sen identificar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí