A alcaldesa de Marín, cabeza de lista do PP por Pontevedra trala marcha de Ana Pastor

PONTEVEDRA> A alcaldesa de Marín será a cabeza de lista do PP de Pontevedra ó Congreso. María Ramallo ocupará o oco que deixa Ana Pastor, que irá de número 2 por Madrid. Os populares pontevedreses din que o seu nomeamento é un recoñecemento á súa traxectoria política. A rexedora, pola súa banda, entende que as súas novas responsabilidades como deputada non suporán un problema para a actividade do goberno municipal.

A marcha de Ana Pastor como número dous por Madrid eleva á alcaldesa de Marín ó número un da lista dos populares pontevedreses. A decisión foi tomada nas últimas horas con moita rapidez. Algo que para os populares non supón un problema, senón unha oportundiade. A xa candidata popular entende o seu nomeamento como “un premio”.

E é que os populares, precisamente, presumen diso, dos bos resultados colleitados por María Ramallo nas pasadas eleccións municipais.

A popular di que na súa mente está compatibiliza-lo seu trallo na alcaldía coas súas novas responsabilidades como deputada en Madrid. Ante as previsibles críticas da oposición marinense, responde xa que conta cun gran equipo que saberá cubri-las súas ausencias.

Esta non vai se-la estrea de María Ramallo no Congreso: xa foi deputada entre os anos 2009 e 2011. Dende ese ano é alcaldesa de Marín, nos últimos comicios cunha esmagadora maioría absoluta, con 15 concelleiros dun pleno de 21.

O presidente provincial do partido cre que acertaron na designación. Rueda di que Pastor seguirá tendo moi presente a provincia de Pontevedra, pola que concorreu nas últimas lexislaturas. Entende que o seu ascenso a número 2 en Madrid, só por detrás de Pablo Casado, supón un recoñecemento á súa carreira política.

Tamén hai novidades na lista dos populares pontevedreses ó senado. Estará encabezada polo exconselleiro de Feijóo Javier Guerra, que volve á primeira liña do PP logo de amagar con marchar para Ciudadanos. Canda el, a expresidenta do Parlamento Galego, Pilar Rojo, e Santiago Rodríguez Dávila.

A lista para o Congreso complétana Diego Gago, Javier Blas, Elena Suárez, Juan Manuel Constenla, Miguel Ángel García González e Ana Cristina Pérez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí