O Concello estende o modelo de cidade aos barrios coa instalación de “lombos” en Otero Pedrayo

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra quere estender o modelo de cidade aos barrios. E para facelo, o goberno municipal está a elaborar un plan de obras que ten como centro Eduardo Pondal. Actuacións integrais e moi concretas que se estenderán a zonas como a praza de Ponte Boleira, a Pasarela de Doce de Novembro ou Otero Pedrayo.

O goberno municipal xa anunciara que este ía a ser o mandato dos barrios. E por iso, co obxectivo de estender o modelo de cidade a todo o Concello, estase a elaborar un plan de obras no entorno de Eduardo Pondal. Un plan que se pode dividir en 3 partes. A primeira a rúa Otero Pedrayo. Nesta zona rexistrouse o pasado ano un ferido grave nun atropelo.  O motivo, segundo o Concello, a falta de medidas de calmado de tráfico. Así que para solucionar este problema o goberno instalará nesta zona pasos sobreelevados.

Outra das zonas nas que traballará o goberno municipal será a pasarela de Doce de Novembro. Aquí construirase unha beirarrúa co obxectivo de garantir os circuítos peonís entre a rúa das Hortas e a rúa da Estrada.

O Concello centrarase tamén no entorno da Praza de Ponte Boleira. O goberno municipal detectou que nesta zona hai dificultades no tránsito peonil e para solucionalo, ampliaranse as beirarrúas e estudarase a posibilidade de poñer unha plataforma única na Rúa da Cortidoira. Por último, rehabilitaranse de maneira integral tanto a travesía de Eduardo Pondal como a Rúa da Moa. Esta última podería quedar ademais exclusivamente para tráfico peonil.

O goberno municipal está elaborando os proxectos para poder empezar a solucionar todos estes problemas nas vindeiras semanas. O obxectivo é que a finais de ano a maioría deles estean adxudicados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí