RIBEIRA> Complicado rescate o realizado este sábado polo Servizo de Gardacostas de Galicia a unhas trinta millas do faro de Corrubedo. Un pasaxeiro que viaxaba a bordo do cruceiro inglés Queen Victoria tivo que ser evacuado tras sufrir unha indisposición.
O helicóptero Pesca I foi o encargado das tarefas de rescate que se viron complicadas polas adversas condicións meteorolóxicas. No momento da intervención rexistrábanse na zona ventos de corenta nós. Finalmente, o dispositivo completouse con éxito e o pasaxeiro foi trasladado ó hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo na compaña dun médico da tripulación do Queen Victoria que o atendeu ata o ingreso no centro hospitalario.