RIBEIRA> A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza volverá solicitar a retirada do nome da rúa Miguel Rodríguez Bautista. Demandarán ademais que se revoguen os títulos de fillos adoptivos e predilectos de Ribeira outorgados a varios dirixentes do franquismo durante a década dos 50.
Son moitos os proxectos nos que está a traballar a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza. Entre os máis inmediatos, a retirada dos símbolos franquistas que permanecen aínda na comarca. Con este fin solicitará unha xuntanza con tódolos grupos da corporación de Ribeira para volver a plantexar o cambio de nome da rúa Miguel Rodríguez Bautista.
Xunto con esta iniciativa, solicitarán a revogación do nomeamento de fillos adoptivos e predilectos de Ribeira a varios dirixentes franquistas, entre eles o Conde Vallellano ou Diego Delicado.
Co obxectivo de reparar ás vítimas e honrar á súa memoria colocarán tamén unha placa no cemiterio de Vilacoba, en Lousame. Alí están enterrados varios represaliados durante o franquismo, entre eles Perfecto Vilar. A comisión trata de facilitar as probas de ADN ós familiares para tratar de determinar a identidade dun cadáver exhumado que podería coincidir co deste veciño de Marcelle.
Outros dos proxectos nos que está inmersa a comisión son a elaboración dun cómic sobre memoria histórica, a publicación dun caderno sobre a presenxa da memoria histórica na luteratura infantil e xuvenil ou a colocación dunha escultura no campo de concentración de Rianxo en homenaxe ás madriñas que ofreceron amparo e sosego ós prisioneiros.











