Pontevedra supera xa os obxectivos de rendemento do sistema da auga fixados pola Xunta para 2030

PONTEVEDRA> Nesta xornada de mobilización pola emerxencia climática, o Concello quixo poñer en valor a eficacia na xestión do ciclo da auga. Segundo informou esta mañá o goberno municipal nos últimos anos reducíronse tanto as fugas como o consumo enerxético no sistema de abastecemento. De feito, Pontevedra supera xa os obxectivos de rendemento do sistema da auga fixados pola Xunta de Galicia para o ano 2030.

O Concello de Pontevedra quere converterse nun referente na xestión do ciclo da auga. Para conseguilo teñen en conta dous indicadores. Por unha banda a auga rexistrada e por outra o consumo enerxético. Na auga rexistrada, que ven sendo a diferenza entre a auga se que potabiliza para o consumo e a auga que pasa polos contadores dos usuarios, os datos na Boa Vila están moi por enriba da media galega.

Neste eido contabilízanse tamén as fugas. No ano 2010, a porcentaxe de auga non rexistrada que correspondía a fugas era do 8,2%. Na actualidade, do 12,5% que non se rexistra, á fugas só pertence o 3,6.

En canto o consumo enerxético, no ano 2010 era de 3,8 millóns de kWh. Actualmente, este consumo sitúase en 1,8 millóns. Un descenso do 53% que a concelleira Carme da Silva relacionou esta mañá coas obras de canalización do Pontillón.

Carme da Silva tamén fixo referencia esta mañá ao acordo tomado onte no Consello de Administración da Autoridade Portuaria para apoiar a permanencia de ENCE na Ría. A concelleira asegurou que a pasteira de Lourizán é un exemplo de “consumo incontrolado”. Unha empresa que, tal e como explicou  a edil nacionalista, non paga o canon que lle corresponde nin o coeficiente de vertedura porque usa un emisario que é un recurso da Xunta.