Ana Cedeira: ‘Cunha ameaza de peche saímos á rúa máis contundentes ca nunca. En pouco meses poden parar a fábrica’

PONTEVEDRA> Os traballadores de ENCE advertiron esta mañá que continuarán co calendario de mobilizacións. Aseguran que o tempo vai na súa contra, polo que serán máis contundentes ca nunca. Temen que, coa sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga á pasteira, a fábrica poida pechar nos vindeiros meses.

Coa mobilización desta mañá, traballadores de ENCE e das empresas auxiliares da factoría volveron reclamar unha solución que non poña en perigo os seus postos de traballo. Aseguran que o tempo vai na súa contra e temen que a pasteira poida pechar nos vindeiros meses de executarse a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga concedida no 2018.

Reclaman solución a concello, Xunta de Galicia e ao Goberno Central. Negan que a dirección de ENCE estea detrás das súas mobilizacións e desmárcanse tamén dos partidos políticos.

Os traballadores explican que aínda non tiveron resposta á petición que hai unhas semanas fixo o comité de fábrica para reunirse coa Consellería de Industria. Ademais reclaman á Xunta que aclare a súa postura.

Segundo Bacariza, a día de hoxe a fábrica está a producir con normalidade. E é que é precisamente un parón na produción algo que queren evitar a toda costa.

Comments are closed.