O Plan Revitaliza convértese nun referente na China

PONTEVEDRA> O Plan Revitaliza volve a ser un referente internacional. Nesta ocasión, a Deputación de Pontevedra recibiu a visita dunha delegación chinesa. Unha viaxe organizada pola Fundación Vanke co obxectivo de coñecer o modelo de xestión de lixo da nosa provincia para exportalo, nun futuro, ao seu país.

Esta delegación chinesa interesouse polo Plan Revitaliza e decidiu achegarse ata a nosa provincia para coñecer, de primeira man, este modelo de xestión de lixo. Unha visita que demostra o camiño que está a marcar este proxecto da Deputación no resto do mundo.

Dende a Fundación Vanke traballan con expertos de todo o mundo co obxectivo de mellorar e de coñecer diferentes modelos de xestión de lixo. Por iso e, tras visitar a nosa provincia, a secretaria xeral deste colectivo asegurou que adaptarán o Plan Revitaliza ás necesidades que teñen no seu país.

A delegación chinesa regalou nesta visita unha frase á Deputación que resume á perfección a importancia de poñer en marcha modelos como o Plan Revitaliza. Porque como di este lema, “aínda que esteamos en lugares moi afastados do mundo, vivimos no mesmo mundo”.