PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra repartirá 2,2 millóns de euros entre concellos da provincia para recuperar espazo público para as persoas. As achegas faranse no marco do Plan Ágora e, segundo apuntan dende a administración provincial, permitirán actuar en 170.000 metros cadrados. Segundo a presidenta Carmela Silva, plans deste tipo son os que converten á Deputación pontevedresa nun referente.
A Deputación de Pontevedra xa ten repartidas as axudas no marco do Plan Ágora. As subvencións acadan os 2,2 millóns de euros, e diríxense a apoiar proxectos e obras que recuperen espazo público para as persoas.
A contía máis numerosa repartirase no eixo un do plan, o dirixido a apoiar a redacción de proxectos. Presentáronse 31, entre os que se repartirán 1,5 millóns de euros.
O eixo 2, pola súa banda, destínase ao apoio á execución de obras. Son oito as beneficiarias, que se repartirán case 667 mil euros. Entre elas, están a humanización da rúa Arcebispo Lago de Vilagarcía ou a recuperación dos espazos públicos na cotorna dos centros escolares e deportivos de Barrantes, en Ribadumia.
Silva destacou ademais que a Deputación de Pontevedra tense convertido nunha referencia no cumprimento da Axenda 2030 e dos principios recollidos polos fondos Next Generation.