PONTEVEDRA> “A Asociación Vítimas do Paro en defensa dunha Nova Bioeconomía para unha Vida Digna” denuncia a falta de apoios en políticas laborais para as persoas desempregadas maiores de 52 anos. Tras realizar unha marcha dende Vigo a Santiago, o representante deste colectivo explicou esta mañá en Pontevedra a situación grave que están a vivir os parados sénior da nosa provincia.
O portavoz da Asociación Vítimas do Paro en defensa dunha Nova Bioeconomía para unha Vida Digna compareceu esta mañá en rolda de prensa para denunciar a situación de marxinación das persoas desempregadas maiores de 52 anos, así como a falta de apoio por parte das institucións ao emprendemento sénior. Unha situación que se podería agravar nos vindeiros anos.
A Asociación Vítimas do Paro realizou no mes de xuño unha marcha dende Vigo a Santiago para tratar de reunirse co presidente da Xunta de Galicia. Ante a falta de apoio en políticas laborais e a falta de resposta da administración autonómica, os representantes deste colectivo decidiron dirixirse directamente ao Parlamento Europeo.
Este colectivo pretende tamén achegar as súas propostas á Deputación de Pontevedra. Sen embargo, tras meses pedindo unha reunión co gabinete técnico da institución provincial, aínda non recibiron ningunha resposta.
Con esta proposta crearíase un modelo para desenvolver a Bioeconomía sostible na provincia de Pontevedra e apoiar así á creación de pequenas empresas.











