A universidade ampliará a oferta académica do campus de Pontevedra coa incorporación de dobres graos

PONTEVEDRA> A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación está de aniversario. Para celebrar os 25 anos da súa historia, este centro educativo acollerá esta semana diferentes charlas, conferencias e seminarios. No acto inaugural celebrado esta mañá estiveron presentes, entre outras autoridades, o reitor da Universidade, o decano da Facultade e o catedrático da Universidade de Málaga, Enrique Bustamante.

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebra esta semana o seu 25 aniversario. E para celebralo, o centro educativo acollerá diferentes exposicións e presentacións. Ademais, por este salón de actos pasarán preto de 30 profesionais que foron formados nesta universidade e que analizarán o pasado, o presente e o futuro das tres titulacións que aquí se imparten: Dirección e Xestión Pública, Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas.

Nestes 25 anos, dende a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación traballouse en gran medida pola especialización. Un factor que marcará tamén o futuro deste centro. De feito, actualmente estase a traballar na elaboración dun mapa de titulacións co obxectivo de ampliar a oferta académica.

E aínda que o reitor non pode adiantar que titulacións se incorporarán a esta facultade, o que si asegura Manuel Reigosa é que este mapa de titulacións está pechado e que nel incluiranse dobres graos.

Ampliar a oferta académica e traballar de cara á sociedade son dous eixes principais que marcarán sen dúbida o futuro desta facultade. Un centro que espera cumprir outros 25 anos formando talento.