PONTEVEDRA> Polo de momento, o acordo entre BNG e PSdeG en Pontevedra limitouse á investidura de Fernández Lores. Mentres as dúas formacións continúan negociando a posibilidade de repetir o bipartito, hoxe celebrouse a primeira xunta de goberno local formada só polos edís nacionalistas. Tamén houbo reparto de responsabilidades con profundas novidades. Entre elas, a portavocía do goberno. Recaerá no propio alcalde.
As negociacións entre BNG e PSOE para formar goberno en Pontevedra continúan abertas. Pero mentres non se pecha un acordo, os concelleiros nacionalistas e o alcalde definiron a estrutura do novo executivo local.
Un dos cambios máis relevantes, a portavocía do goberno, que recaerá no propio Miguel Anxo Fernández Lores. Tamén asumirá as relación con outras administracións e a coordinación política.
Eva Vilaverde ostentará a primeira tenencia de alcaldía. Polo demais, o goberno estará dividido en cinco áreas. Servizos Centrais inclúe a área legal e económica, que asume Raimundo González, e servizos non territorializados que, con Vilaverde á fronte, encargarase, por exemplo, da xestión de recursos humanos, do patrimonio e de protección cidadá.
Dentro da área de Territorio e Ambiente, planificación do territorio estará ao cargo de Carme da Silva. Mentres que María Xosé Abilleira, que se estrea como concelleira, asumirá Xestión ambiental e territorial.
César Mosquera será o coordinador de Servizos Municipais e Urbanos, mentres que dentro desta área Xaquín Moreda asumirá a xestión dos servizos urbanos básicos.
A quinta área, a de Igualdade e Promoción do Benestar estará coordinada por Anabel Gulías. Ela asumirá igualdade, benestar, promoción da cidade ou actividade física, entre outras responsabilidades. Demetrio Gómez, pola súa banda, encargarase da dinamización social e cultural.











