PONTEVEDRA> Pontevedra reivindica o río Gafos polo Día Mundial da Auga. Esta mañá, alumnado dos institutos Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón colaboraron coa concellería de Desenvolvemento Sostible e a asociación Vaipolorío nunha actividade de limpeza do río. O obxectivo: concienciar á mocidade sobre a crise mundial da auga e a necesidade de abordala.
O río Gafos protagoniza o Día Mundial da Auga en Pontevedra. O alumnado dos institutos Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón participaron nunha xornada de limpeza do río e da súa contorna.
A concellería de Desenvolvemento Sostible e a asociación ecoloxista Vaipolorío coordinaron esta iniciativa, na que a rapazada comprobou de primeira man o estado do Gafos.
Tanto o Frei Martín Sarmiento como o Sánchez Cantón crearon nos seus centros clubes de loita contra o cambio climático. Unha iniciativa que o concello quere estender aos demais centros pontevedreses, impulsando un novo proxecto: ‘A tropa do clima’.
O concello de Pontevedra ten plans de futuro moi importantes para o río Gafos. A intención é destapalo ao seu paso polo barrio de Campolongo; un proxecto para o que xa solicitou catro millóns de euros de fondos europeos ao Ministerio de Medio Ambiente. En abril coñecerase se a proposta pontevedresa consegue os 2 millóns da primeira convocatoria de axudas.