A Deputación e o Concello de Pontevedra renovan o seu acordo de colaboración

PONTEVEDRA> A Deputación e o Concello de Pontevedra abriron hoxe unha nova etapa de colaboración de cara ao novo mandato. Ambas institucións continuarán traballando conxuntamente para que o goberno local poida levar a cabo diferentes actuacións. Entre os proxectos que se executarán grazas ao acordo entre ambas administracións destaca a mellora integral de Mollavao, a rede viaria de Montecelo e o pavillón deportivo da Parda.

Que a Deputación e o Concello de Pontevedra tiñan unha relación positiva era algo máis que evidente. Pero para demostralo, o alcalde e a presidenta da institución provincial renovaron esta mañá o seu acordo de colaboración. O fixeron co obxectivo principal de que o goberno municipal poida desenvolver aqueles proxectos que considere prioritarios.

A presidenta e o alcalde decidiron que neste mandato non asinarán un protocolo de colaboración, como si se fixo no ano 2015. Carmela Silva comprometeuse a dotar unha partida fixa anual nos orzamentos provinciais aos que imputar os futuros convenios entre ambas partes. Iso si, a cantidade será similar á anterior: arredor de 10 millóns de euros.

De cara ao futuro nin a presidenta nin o alcalde quixeron adiantar cales serán os primeiros convenios que asinarán ambas administracións. O que si deixou claro Miguel Anxo Fernández Lores é que a mellora integral de Mollavao, a rede viaria de Montecelo e o pavillón deportivo da Parda son os tres proxectos máis avanzados.

Tras esta reunión, a presidenta da Deputación deixa plena autonomía ao Concello de  Pontevedra para decidir cales son ás actuacións prioritarias. Deste xeito, o convenio entre ambas administracións soamente se asinará cando os proxectos estean listos para licitar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí