O BNG pon a Pontevedra de exemplo de cara as eleccións do 5 de abril

PONTEVEDRA> Desembarco do BNG en Pontevedra. A formación nacionalista encara as eleccións autonómicas do vindeiro 5 de abril con expectativas altas, seguros de que Galicia precisa un cambio liderado pola  súa formación. Ana Pontón estivo hoxe arroupada, entre outros, polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Para a candidata, Pontevedra será un espello ao que mirar se consegue facerse coa Xunta de Galicia.

O BNG non se pon límites na súa carreira cara as eleccións autonómicas do 5 de abril. A formación considera que chega nun bo momento, convencida de que a opción que representan os nacionalistas é a mellor para Galicia.

Ana Pontón estivo hoxe en Pontevedra, arroupada polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o deputado autonómico Luis Bará e o alcalde da vila, Miguel Anxo Fernández Lores. Para a candidata do BNG, Pontevedra é un exemplo de política transformadora e comprometeuse a poñer en marcha proxectos importantes para a cidade de chegar á xunta.

Para a candidata, os once anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo foron un tempo perdido para Pontevedra e para toda Galicia. Acusouno de estar sometido ao Partido Popular de Madrid.

Fernández Lores, Rego e Bará expresaron a súa confianza nas posibilidades do BNG de chegar ao goberno da Xunta. Máis aínda, aseguraron, despois do traballo que están a realizar no Congreso dos deputados tras recuperar a representación perdida.