PONTEVEDRA> En Pontevedra, os veciños de Mollavao dan un paso adiante. Fartos do abandono histórico que sofre o barrio decidiron constituírse como asociación veciñal, iniciando unha xeira de reunións coas diferentes administracións que teñen competencias. Defenden que se trata dun barrio seguro, pero que os problemas de salubridade e a falta de espazos de convivencia e esparexemento, degradan as súas rúas.
Hai pouco que se constituíron como asociación de veciños pero as súas reclamacións para o barrio de Mollavao son históricas.
A anunciada humanización da rúa Rosalía de Castro e a apertura do novo vial de Mollavao impulsounos tamén a unirse. Sinalan que se trata dun proxecto deseñado no 2017 e, aínda que ven con bos ollos a actuación, aseguran que ten carencias.
A falta destes espazos de convivencia é unha das principais denuncias que fan dende a asociación. Tamén o abandono de equipamentos como o parque infantil ou de zonas como o aparcadoiro baixo a ponte da AP9.
Ademais, denuncian a acumulación de vehículos abandonados no barrio. Apuntan que moitos deles son trasladados polo propio guindastre municipal dende outros puntos da cidade.
Todas estas cuestións foron trasladadas pola asociación nas diferentes reunións que mantiveron coas administracións que teñen competencias no barrio, como o concello e a Subdelegación do Goberno. Uns encontros que, din, lles deixaron un sabor agridoce.
A asociación veciñal continuará mantendo encontros coas administracións para insistir nas súas reclamacións, demandando tamén para Mollavao actuacións que se realizan noutros barrios pontevedreses.











