Detidos cinco membros dunha familia de Noia por tráfico de drogas

NOIA> Os arrestos producíanse no marco da operación ‘Lobezno’, levada a cabo pola Garda Civil da localidade.

A Garda Civil de Noia procedeu á detención de cinco veciños da localidade, todos eles da mesma familia, coma presuntos autores dun delito contra a saúde pública. A operación denominada Lobezno iniciouse xa hai varios meses a raíz das informacións obtidas polos propios axentes sobre a posible existencia dun punto de venda de droga. As investigacións realizadas posteriormente permitiron identificar a dous vehículos e catro inmobles que podían estar relacionados co caso. Serían os puntos empregados polos agora prendidos para a venda, distribución e almacenaxe da droga. Tras a correspondente autorización xudicial e os rexistros realizados, os axentes incautaron máis de 387 gramos de haxíx, máis de nove quilos de brotes de marihuana, 40 gramos de cocaína, 15 de metanfetaminas, así como diversas substancias e material empregado na venda e na manipulación da droga e tamén diversos efectos utilizados nas plantacións de marihuana, como é o caso de lámparas e calefactores. Os cinco detidos xa pasaron a disposición do Xulgado de Instrución Número 2 de Noia, que é quen instrúe o caso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí