POIO> O goberno municipal de Poio levará a cabo un plan de estacionamento para as 5 parroquias co obxectivo de mellorar a mobilidade de todo o Concello. Así o anunciou esta mañá a tenente de alcalde nunha rolda de prensa na que Luciano Sobral, Chelo Besada e Silvia Díaz quixeron facer un balance dos 100 días que levan de goberno.
Luciano Sobral, Chelo Besada e Silvia Díaz cumpren 100 días ao fronte do Concello de Poio. 100 días valorados esta mañá polo goberno municipal e nos que destacaron dous logros importantes: o plan de mobilidade e a aprobación da construción da depuradora.
Tras facer un balance positivo destes 100 días de goberno, a tenente de alcalde anunciou esta mañá que o Concello de Poio levará a cabo un plan de estacionamento. Un proxecto para as 5 parroquias que podería poñer solución a unha das grandes demandas dos veciños.
Co obxectivo de mellorar a mobilidade do Concello, o goberno local asegurou que están pendentes do vial do Vao, así como da reforma integral da PO-308. Tamén nesta rolda de prensa, a corporación municipal confirmou que seguirán apostando por ter un polígono en Poio, así como un Centro de Saúde.
Dentro de este balance dos 100 primeiros días de mandato, o goberno local asegurou que seguirán traballando conxuntamente para mellorar os servizos de todas as parroquias. Ademais, a corporación municipal quixo deixar claro que se hai unha estabilidade no Concello é grazas a un equipo que ten un proxecto común e que está plenamente coordinado.











