Lucía Ara, promotora de ‘Salvemos o Pazo de Lourizán’: “ A idea xurdiu nun momento de rabia e frustración despois de visitalo”

PONTEVEDRA> Salvar o Pazo de Lourizán, en Pontevedra. Este é o obxectivo dunha recollida de sinaturas posta en marcha por unha veciña de Poio. A través da plataforma change.org, Lucía Ara busca o apoio da cidadanía para facer presión nas administración para evitar o deterioro definitivo dunha das xoias do noso patrimonio arquitectónico. A día de hoxe están xa preto das 4.000 sinaturas.

Foi a residencia de verán do presidente do Goberno durante a Restauración, Eugenio Montero Ríos, e a independencia de Cuba, co Tratado de París, asinouse entre as súa paredes. Pero ese esplendor de finais do século XIX queda moi lonxe na actualidade para Pazo de Lourizán.

A tan só tres quilómetros do centro da cidade atopamos esta xoia do noso patrimonio arquitectónico. Un edificio de corte Modernista que a día de hoxe está completamente abandonado.

Lucía Ara, veciña de Poio e arquitecta de profesión, decidiu loitar pola salvación do pazo. Xunto coa súa irmá Sara recorreron á plataforma change.org para recoller sinaturas coas que axitar conciencias nas administracións.

A súa campaña tivo unha gran acollida e a día de hoxe suman case 3.900 sinaturas.

O Pazo é propiedade da Deputación de Pontevedra, pero no 1991 asinou un acordo de cesión coa Xunta para que instalara o Centro de Investigacións Ambientais e Forestais de Lourizán. A cambio, a administración autonómica tería que encargarse da súa conservación. Pero o certo é que no medio da bronca política, o Pazo mantense no esquecemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí