PONTEVEDRA> Os representantes das Anpas de Galicia rexeitan o protocolo establecido pola Xunta para o vindeiro curso escolar. Estes colectivos critican a falta de medios cos que contarán os centros educativos da nosa comunidade e piden unha maior dotación económica.
Aulas de 25 alumnos, distancias de seguridade dun metro ou, no seu defecto, uso de máscara obrigatorio. Esas son algunhas das medidas incorporadas no protocolo da Xunta de Galicia para o vindeiro curso escolar. Un protocolo moi criticado polos representantes das Anpas pola falta de colaboración na súa elaboración.
Dende as Anpas ven inviable a opción de respectar as distancias de seguridade nunha aula na que a ocupación máxima é de 25 persoas e non de 15 como aconsella o propio Ministerio.
O presidente da Fanpa de Pontevedra asegura que o protocolo anunciado pola Xunta xoga coa seguridade dos máis pequenos. Ademais, dende esta Federación lamentan que non haxa unhas medidas específicas no caso de detectarse algún caso positivo.
A única solución para garantir a seguridade dos máis pequenos pasa por investir máis diñeiro. Algo que parece que non está disposto a facer a administración autonómica.
No caso de non ampliar as dotacións económicas, moitos centros poderían quedarse sen comedores escolares durante o vindeiro curso.