Pontevedra incumpriu a Lei de Estabilidade Orzamentaria ao saltarse a regra de gasto en 2,6 millóns

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra incumpriu a Lei de Estabilidade orzamentaria, ó salterse a regra de gasto en 2,6 millóns de euros. Desvelouno esta mañá o Partido Popular da cidade. Este incumprimento obriga ó goberno local a crear un Plan Económico Financeiro. Dende o concello recoñecen esta situación, pero aseguran que nunca pretenderon ocultalo.

O grupo municipal do PP foi o que revelou a situación: logo de ter acceso a un informe, decatáronse de que o Concello incumpriu a lei de Estabilidade orzamentaria, ó saltarse a regra de gasto en 2,6 millóns.

Esta situación tradúcese en que Pontevedra terá que crear un Plan Económico Financeiro. A administración local, polo tanto, pasará estar “tutelada” pola Xunta e o Ministerio de Facenda.

Os populares acusan ó goberno local de tentar ocultar esta situación, algo que negan dende o concello. Segundo asegura a voceira do executivo municipal, a oposición recibiu información do plan económico e financeiro hai xa un mes.

Anabel Gulías, con todo, recoñece que o Concello puido cometer un erro á hora de trasladar ós medios de comunicación a información sobre o incumprimento da regra de gasto, que leva parella a creación dese Plan Económico Financeiro.

A creación deste plan implicará a elaboración de diversa documentación que terá que pasar pola Comisión de Economía e Facenda. En última instancia, terá que ser aprobado polo Pleno municipal.

Para o PP, o intento de ocultación desta situación por parte do goberno local tradúcese nun mes perdido á hora de adoptar medidas. Entenden os populares que o asunto debere terse tratado xa en abril a través un pleno telemático.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí