A directora xeral de Comercio presenta en Ribeira a Rede de Comercios e Mercados no Camiño

RIBEIRA> A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, presentaba esta mañá en Ribeira a nova Rede de Comercios e Mercados no Camiño. Unha proposta promovida pola consellería de  Economía, Emprego e Industria á que convida a sumarse ós comerciantes  do Barbanza.

A iniciativa Rede de Comercios e Mercados no Camiño presentada esta mañá en Ribeira ten coma principal obxectivo potenciar as vendas do comercio de proximidade dos 138 concellos polos que discorren as diferentes rutas de peregrinación, ó tempo que servirá para mellorar os servizos que estes establecementos lle prestan ós peregrinos. Esta proposta é totalmente gratuíta tanto para os establecementos comerciais como para as asociacións de vendedores de prazas de abastos.

Á iniciativa impulsada pola  Xunta, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago, mantén aberto o prazo de solicitudes ata o 8 de novembro. Inclúe tamén unha convocatoria de axudas de ata 2.800 euros por beneficiario para que os comercios adheridos que así o desexen editen coa imaxe da Rede de Comercios e Mercados no Camiño solucións en material promocional e de empaquetado, así como selos para as credenciais dos camiñantes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí