Entidades de Galicia e Asturias participarán nun encontro de asociacións de Memoria Histórica

RIBEIRA> A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza promove para este próximo sábado un encontro de asociacións de memoria histórica no que participarán entidades de Galicia e Asturias. A actividade, que se desenvolverá no Centro Cultural Lustres Rivas, arrancará ás dez da mañá cunha charla da investigadora Conchi López, que afondará nos problemas cos que se atopan os historiadores á hora acceder á información vinculada á memoria histórica.

Baixo os apartados: verdade, xustiza e reparación, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza promove para este vindeiro sábado 19 de outubro, un encontro de asociacións de memoria histórica no que participarán entidades de Galicia e Asturias. O obxectivo non é máis que poñer en común o traballo que desenvolven este tipo de colectivos en todo o país.

As xornadas, que se desenvolverán en sesión de mañá e de tarde, incluirán diversas ponencias e relatorios nos que se afondará sobre distintos aspectos  relacionados coa memoria histórica, entre as que destaca a charla de Chato Galante que analizará a querela presentada en Arxentina contra o franquismo.

A xornada rematará coa proxección do documental titulado: ‘O silencio dos outros’, de Almudena Carracedo.